C´est pas Possible

Un espectáculo en clave de clown que nos convida a ver que si é posíbel saír da rutina

Máis un día de traballo por diante e, baixo a súa responsabilidade, que todo estea listo para o inicio da función.

Afeita a traballar na sombra, a técnica e rigger, é a encargada de montar o pórtico de aéreos e preparalo todo para
que a Gran Artística brille en escena.

Responsábel, disciplinada, eficaz e profesional, cada día pon o mellor de si mesma; mais hoxe a súa rutina vaise ver alterada pola mirada do público, espertando o seu lado lúdico e fantasioso, e levándoa a facer aquilo que cría imposíbel.

 

Unha viaxe cara o reencontro cun mesmo e o pracer de vivir e compartir.

Empregando o clown como linguaxe, e en comunicación directa co público, neste espectáculo ponse de manifesto a dualidade que moitos vivimos por dentro: aprendemos a ser eficaces, a cumprir prazos e expectativas, esquecéndonos de desfrutar e de nos deixar ser.

Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea que convida o público a se empapar coas emocións que este personaxe vive en escena.

“Nunca esquecerei este espectáculo! conmoveume”

Claudia Bogdanov (Público)

“Novos e maiores desfrutaron do humor de Marta Iglesias, sorprendéronse co golpe final das telas aéreas, colofón do seu espectáculo…
Un momento final cheo de maxia e tenrura.
C’est Pas Possible!!! Mais foi!”

Marcus Von Machtel (CircoMad)
Pandemónium Circus Fest

“Satisfacción total coa participación de Sempre Arriba.
Despois de case 20 anos como festival, descubrimos que as acrobacias aéreas e o clown non só son compatíbeis senón que se potencian.

Recomendámosllo a calquera festival que aposte por esta combinación, algo moi difícil de encontrar nas programacións.”

Manuel Ángel Díaz
Organizador Festival AstuRisas